top of page
“O Concello esta na obriga de asumir o seu papel como principal xestor cultural do municipio, promovendo proxectos que aseguren unha programación estable, e sobre todo, achegando a cultura á cidadanía, sacándoa á rúa"

 

Entrevista con Manuel Pérez Lorenzo - Lito

 

Que é o que che leva a decidir formar parte dunha candidatura?

 

O mesmo que me levou a traballar na oposición nos últimos anos: contribuír, no que eu poida, a dar solución a problemáticas que afectan a Sada e a propor novos proxectos. Nestes momentos de descrédito da política, nos que se nos quere trasladar a falsidade de que todos somos iguais, hai que continuar demostrando cada día que en absoluto é así. A min gústame a política porque teño ideas e porque quero levalas á práctica. Como dicía Brecht na súa afirmación tan manida, “o custe da vida, o prezo dos chícharos, da fariña, do aluguer, do calzado e das medicinas dependen das decisións políticas”. Pois que mellor que intervir en política, a nivel local, para procurar que esas decisións sirvan para camiñar cara un modelo de sociedade máis xusto. Para termos un concello que realmente sexa unha ferramenta capaz de resolver problemas en lugar de crealos.

 

Por que motivo na lista do BNG?

 

Eu achegueime ao BNG por coherencia ideolóxica, por ser a formación política coa que me sentía identificado e pola súa traxectoria no meu concello. Mais o traballo no grupo de persoas que conforman o BNG de Sada levoume a reafirmar esa identificación. Compartir traballo con persoas como Abel ou como Liss, coñecer de primeira man unha forma de facer política baseada na vocación de servizo público, na seriedade, no rigor, no sentido común… todo iso faime considerar ao BNG como a mellor ferramenta para mudar a nefasta situación na que o noso pobo está inmerso. 
É máis, considero que o BNG é a día de hoxe a única forza política que pode ofrecer garantías ás veciñas e veciños de Sada que queiran un goberno estable, serio. A dereita xa demostrou que non é capaz de gobernar: velaí a ruptura do goberno que preside o Sr. Anido.

 

Ti procedes do ámbito do asociacionismo cultural. Neste campo, que análise fas da situación actual do noso concello?

 

A miña análise, aínda que sorprenda, é moi positiva. Malia á absoluta inoperancia do goberno de Anido, en Sada hai actividade cultural. Por que? Porque existe un tecido de asociacións e de persoas a nivel particular que dedican o seu tempo e os seus folgos a programar concertos, charlas, exposicións, eventos de índole diversa… Contar con iso é un tesouro que calquera goberno debería valorar a apreciar. O Concello está na obriga de asumir o seu papel como principal xestor cultural do municipio, promovendo proxectos que aseguren unha programación estable e, sobre todo, achegando a cultura á cidadanía, sacándoa á rúa. Pero, para iso, nada mellor que partir do que xa hai: unha sociedade que se move, que ten proxectos e ideas, e un lugar, Sada, que ofrece moitísimas posibilidades, na maior parte sen explotar. Hai que coordinarse entre todos e traballarmos en común, e, nese sentido, estimo que sería moi útil a posta en marcha dunha iniciativa que o BNG levaba xa no programa de 2011: un Consello Local de Cultura no que confluírmos todos, para que os axentes diversos que operan no ámbito municipal participen directamente na xestión da cultura.

 

Que nos dirías de ti mesmo?

 

Por enriba de todo, definiríame como un apaixonado de Sada. De todo aquilo que configura a nosa identidade, que nos fai específicos. Elementos que nos sitúan no mapa ante os demais ou que nos fan a nós mesmos saber que ser de Sada, vivir en Sada, non é un accidente biográfico, senón algo con moito fondo, algo que conforma tamén a nosa personalidade individual. E resulta que moitos deses elementos están en serio perigo de desapareceren. Falo de sectores produtivos tradicionais como a pesca, que está a ser premeditadamente exterminada por intereses mercantís dos que o Partido Popular semella ser o abandeirado. Falo dunha industria cultural como Cerámicas do Castro. Falo tamén do noso patrimonio histórico, arqueolóxico e etnográfico e do noso medio natural. Facer política en Sada para min leva aparellado un quefacer necesario para evitar esa perda progresiva de identidade. Para reforzar e poñer en valor todo o que temos de propio, que, ao mesmo tempo, é o que fai que poidamos ser interesantes a ollos dos demais.

O Blog do BNG de Sada  

  • Twitter App Icon
  • Facebook App Icon

© 2015 Bloque Nacionalista Galego de Sada

bottom of page