
“A educación debe de ser un dos piares das políticas a desenvolver por calquera partido que quera o benestar dos cidadáns. Facer cidadáns cultos é facelos críticos, reflexivos e inconformistas. Estes son valores que comparto e que debemos de fomentar."

Entrevista con Cesar Resch Zafra
Por que te decides a formar parte da candidatura do BNG?
Son varias as razóns que me fan participar na candidatura: A primeira delas foi porque foron os compañeiros do BNG os que mo pediron, a segunda por coherencia ideolóxica, e sobre todo porque o BNG en Sada demostrou durante esta lexislatura que é a única organización política que estivo a altura das circunstancias, apoiando a xente que o necesitaba e conseguindo cousas concretas,tales como habilitar fondos para axudar a xente sen recursos a pagar as facturas de gas e electricidade. Outros deixaron en evidencia que son incapaces e que só obedecen a intereses particulares.
En caso de gobernar cales serían as prioridades dun goberno do BNG?
A primeira darlle carpetazo ao pasado e non ollar cara atrás, non paga a pena.
A segunda sería a política social, temos que axudar aos que non teñen, aos que teñen dificultades. Axudar a esos que nos avergonzan como sociedade. Unha sociedade que axuda aos máis necesitados é unha sociedade que pode estar orgullosa de seu.
Sada ten potenciais inmensos por desenvolver, debería de volver a ser a cabeceira da comarca en canto a comercio, estamos nun area na que viven –entre Oleiros e Sada- máis de cincoenta mil persoas e Sada é a única vila estructurada e con posibilidades reais poder ser o centro comercial aberto das Mariñas. Sada ten un potencial inmenso de turismo náutico e deportes naúticos único no norte de Galiza.
Ti es profesor na Universidade. Coméntanos cal é o papel debe xogar un Concello no ambito educativo?
A educación debe de ser un dos piares das políticas a desenvolver por calquera partido que quera o benestar dos cidadáns. Facer cidadáns cultos é facelos críticos, reflexivos e inconformistas. Estes son valores que comparto e que debemos de fomentar.
Dende o Concello penso que se poden abrir moitos campos no eido educativo, os principais: Servir de aproio aos centros escolares para complementar a súa programación curricular con actividades deportivas, culturais, educación en valores...Fomentar o asociacionismo e as actividades e outro dos eidos nos que se debe de traballara dende o Concello.
Tes vivido en diferentes paises e viaxado por moitos máis, qué pode aportar esta, a túa experiencia a un goberno en Sada?
Como galego, son cidadán do mundo. Xa o dicían as Irmandades da Fala hai máis de cen anos, Galicia célula de universalidade.
Galicia ten valores de seu que lle confiren unha potencialidade moi importante, o primeiro que debemos de facer como galegos e crer en nós mesmos e darlle forza a aqueles que queren un país en positivo e sen ataduras. Poño un exemplo, Francia é o lugar do mundo que máis turistas recibe, e coa excepción de París, sorprendería saber que Bretaña é das zonas máis visitada do país, e chove no vran tanto ou máis que en Galicia. A pesca, a agricultura, a gandeiría, a fala, o noso rural, as nosas vilas, o noso patrimonio, todo eso e moito máis son activos que a xente de fora valora. Na carreira dos paseos marítimos e sol levamos as de perder.
Por último contanos algo de ti mesmo?
Como delatan os meus apelidos son de procedencia moi híbrida e iso xunto coa miña experiencia vital deume unha boa perspectiva sobre a vida sabendo relativizar tanto os exitos como os fracasos. Creo nas equipas, non nos individuos, esto é algo que debe marcar as políticas de esquerda, crer na sociedade, no conxunto e non nas individualidades.
Xa nunha visión máis personal teño que dicir que nestes últimos anos adiqueime a criar aos meus fillos xunto coa miña parella e a levar unha casa na que compartimos tarefas, e non é retórico o que digo. Entre a familia, o traballo e a actividade política quito tempo para facer natación e manterme en forma. Tamén nestes últimos anos xunto coa miña familia e amigos temos feito unha manchea de rutas de sendeirismo por todo o país. Subir Trevinca, visitar o Teixadal de Casaio, A Debesa da Rogueira ou a costa da Vela no Morrazo, xunto con andainas por Dexo, Cecebre ou Traba son experiencias inesquecibles para a familia. Tamén fixemos o sendeiro da Costa Doce no noso Concello de Sada.