top of page
“A nosa xeneración ten a obriga de devolverlle á nosa Vila a relevancia que merece. Sada é onde vivimos e ten que ser onde poidamos traballar para vivir"

 

“Creo en Sada e nas xentes de Sada, polo que estou convencido de que chegan tempos novos e apaixoantes para todos"

 

Entrevista con Liss Becerra

 

Liss, porque un comerciante coma ti decide optar á alcaldía de Sada?

 

Pertenzo a unha familia que abriu o seu primeiro comercio aquí en 1948 e, entre outras outras moitas cousas, ensináronme que a loita no que un cree é o camiño para sair adiante. Todo isto lévame a asumir a responsabilidade e o compromiso de ser o Alcalde de Sada con determinación e entusiasmo porque son sadense de arriba a abaixo e dóeme a situación actual de Sada.

É tempo de asumir retos e coller relevos, a nosa xeneración ten a obriga de devolverlle á nosa Vilas a relevancia que merece. Sada é onde vivimos e ten que ser onde poidamos traballar para vivir.

 

E porque no BNG?

 

Porque quero facer política para Sada dun novo xeito pero aproveitando a experiencia de tantas persoas que o deron todo por Sada. 

Quero comezar un novo camiño. Unha nova etapa contando con todos os sadenses que, independentemente de a quen votaran noutras ocasións, amen a Sada a Galicia coma min e queiran cambiar o seu pobo. Pero quero tamén aproveitar as ensinanzas que nos deixaron xente como Manolo Crisanto, Abel López Soto, e moitos homes e mulleres que lle roubaban e rouban tempo ás súas familias e ao seu traballo en prol de acadar o mellor para Sada.

Xente que nunca foi ao concello a lucrarse senón a traballar pola súa xente. Esa é a política que eu quero facer e iso será o que faga a candidatura do BNG en Sada.

 

Como valoras estes anos de goberno do PP e do Sr. Anido?

 

Nunca tivo Sada un alcalde que se preocupara tan pouco polo seu pobo. O PP só tivo un interese en Sada durante este mandato; que o BNG non gobernara para que poideran volver as politicas caducas, trasnoitadas e nocivas. E o sr. Anido só tivo unha preocupación na alcaldía; facer politica persoal a conta de Sada. Estivo sempre mais preocupado por facerlle a pelota aos seus xefes de Coruña que por defender os intereses dos seus veciños.

O PP tivo unha oportunidade única nestes 4 anos: o PP gobernaba na Deputación, na Xunta e en Madrid. Podía facer en Sada todo o que quixera e non fixo nada.

Foron 4 anos de incompetencia e desgoberno, 4 anos perdidos polo capricho duns señores que seguen a pensar que o concello é propiedade particular deles. O PP e o sr. Anido levantaron un muro entre o concello e os seus veciños,: enfrontando ao sector educativo, ao sector pesqueiro, aos sector comercial e industrial e ao tecido asociativo.

Déronlle as costas aos traballadores do Hotel, aos do Castro e incluso aos do propio concello.

Agora Sada non sae na prensa máis que para ver como se mancha a imaxe do pobo con escándalos continuos, entradas e saidas dos tribunais e un Alcalde de Sada como lider en imputacións. Esto ten que acabar.

 

Cales son os teus proxectos para Sada

 

Quero unir ao pobo de Sada e recuperar o prestixio do noso pobo na comarca e en Galicia. 

Vou contar con todos os que queiran traballar por Sada. A candidatura do BNG non será unha candidatura de militantes do BNG. Será unha candidatura de unidade popular cun equipo preparado para gobernar o concello desde o día seguinte ás eleccións. Temos experiencia, coñecemento e ilusión para facelo.

O primeiro e fundamental é devolverlle Sada aos sadenses. Todas e todos somos necesarios para crear a Sada do futuro, sen mirar carnés. Temos que escoitar e aprender do tecido asociativo, do mundo do deporte, da xente da cultura... xentes de Sada que queren ao seu pobo coma nós.

A miña obriga como Alcalde será atraer a inversión para Sada para xerar emprego. Temos que recuperar o papel de Sada como lider na comarca das Mariñas dentro dun proxecto que atraia potenciais clientes para o comercio local. Temos un contorno natural privilexiado que ten que xerar empregos para a hostalería e servizos. Temos unhas infraestructuras portuarias fabulosas pero desaproveitadas que hai que por en valor para a industria do mar e a turística.

Quero un concello solidario que se preocupe dos que máis sofren e revitalizaremos os servizos sociais para atender aos que mais o precisan.

Estou convencido de que todo é posible en Sada se somos capaces de deixar atrás, dunha vez por todas, as ferramentas vellas e inútiles mque nos lastraron ata agora.

 

Por último, para que as veciñas e veciños saiban algo máis de ti, como te describirías a ti mesmo?

 

Cando vou polo mundo e me preguntan de onde son digo: -"De Mondego-". Estou orgulloso de ser sadense e quero moito a esta terra.

Non me sinto un politico "profesional". Son un comerciante fillo mde mecánico fresador e tendeira. Neto e bisneto de sadenses aos que lles tocou emigrar, que coñecen os rigores da vida e que me ensinaron que o mais importante é escoitar aos que saben. Encántame conversar e escoitar. Defendo sempre aquilo no que creo. Creo en Sada e nas xentes de Sada, polo que estou convencido de que chegan tempos novos e apaixoantes para todos.

O Blog do BNG de Sada  

  • Twitter App Icon
  • Facebook App Icon

© 2015 Bloque Nacionalista Galego de Sada

bottom of page