
“Considero necesario que as mulleres tomemos a palabra e nos empoderemos na vida política, na defensa dos dereitos adquiridos que agora están a ameazar"

“Sada precisa medidas concretas de promoción de emprego e de dinamización dos sectores estratéxicos da cidade, melloras no plan de mobilidade metropolitano e, por suposto, unha mellor atención aos servizos sociais"
Entrevista con Laura Rodríguez Pena
Como é esta candidatura do BNG que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais de maio?
É un equipo para gobernar, con novas incorporacións que chegamos con moita forza e ganas. Mulleres e homes que non facemos relevos se non que nos sumamos á experiencia do actual grupo municipal que xa demostrou nestes anos ter capacidade de xestión e unha bagaxe, na oposición e no goberno, que será unha vantaxe á hora de conformar o goberno do próximo mandato municipal.
E que te levou a ti a involucrarte nesta candidatura?
Principalmente, a responsabilidade e a ilusión. Evidentemente, a primeira motivación para involucrarme na política local é a concordancia ideolóxica co proxecto pero este gran compromiso que para min significa participar desta candidatura está directamente motivado pola ilusión de acreditar nun cambio necesario e posible para a que é a miña vila.
Consideraba importante que neste cambio se tivera en conta o punto de vista da mocidade e as problemática particulares desa xeración da que din a máis preparada da historia mais que están a estragar someténdonos á precariedade, ao desemprego e de novo, a emigración.
Do mesmo xeito que tamén considero necesario que as mulleres tomemos a palabra e nos empoderemos na vida política, na defensa dos dereitos adquiridos que agora están a ameazar. Se ben houbo avances significativos en termo de igualdade, as mozas sabemos mellor que ninguén que aínda queda moito por facer. As mozas soportamos maiores taxas de desemprego, sufrimos a desigualdade salarial e asumimos en maior medida o coidado de familiares dependentes. Por iso, as mulleres sufrimos dun xeito especial as consecuencias deste contexto de crise económica e de recortes sociais.
Ante isto, considerei que tocaba dar un paso adiante e tomar responsabilidades para tentar mudar isto e deixar de agardar que os problemas se arranxen sós.
Como entendes ti o municipalismo?
Se ben desde a política municipal é complicado mudar a totalidade do sistema, si se poden levar a cabo políticas que permitan por un lado unha distribución máis xusta dos investimentos e por outra poder de decisión sobre as cuestións que nos afectan máis directamente e o BNG así o entende e así o ten demostrado coa súa xestión de goberno, entendo sempre a política municipal como diálogo, cooperación e participación.
Sada precisa medidas concretas de promoción de emprego e de dinamización dos sectores estratéxicos da cidade (comercio, hostalaría, actividades marítimo-pesqueiras, etc), melloras no plan de mobilidade metropolitano e, por suposto, una mellor atención aos servizos sociais que nunha situación coma a actual é fundamental. É moito o que se pode traballar no concello, e desde logo o proxecto do BNG é a única alternativa ás opcións prehistóricas que gobernaron durante tanto tempo a vila.
Por que é importante que a mocidade de o seu voto ao nacionalismo galego nestas eleccións municipais?
A mocidade é fundamental na nosa vila, e non só de cara ás citas electorais; senón como a forza de futuro do noso país. Fronte ás políticas regresivas instauradas no concello, o Bloque Nacionalista Galego representa a alternativa de esquerdas que aposta polo futuro de Sada, e o futuro de Sada pasa por unha firme aposta pola mocidade.
Non hai ningunha outra forza política que se apresente a estas eleccións que faga unha aposta máis clara pola mocidade e o seu futuro así como pola participación política das mozas e mozos da nosa vila. Nós contamos coa mocidade e queremos que a mocidade conte con nós.
Por último, que nos podes contar de ti mesma?
Nacín en Sada. Non podo dicir que son de Sada de toda a vida por que por motivos persoais e académicos levaba uns anos a cabalo entre Compostela e Lugo principalmente, pasando por estancias en diferentes países como Dublín ou Lisboa, onde completei a miña formación académica. Pero pese a ter vivido unha boa parte da miña vida fóra, sego a ser da Tenencia, o barrio onde nacín, e da Ponte, onde agora vivo.
Actualmente compaxino o meu traballo de teleoperadora cos estudos de Mestrado en Formación do Profesorado. E entre o estudo e o traballo saco tempo para participar en diversas propostas do asociacionismo cultural onde desenvolvo actividades variadas, desde o voluntariado como guía cultural á practica do baile tradicional galego, una descuberta algo tardía no meu caso pero da que desfruto e “rentabilizo” como exercicio físico e como exercicio de recuperación, conservación e transmisións de una boa parte do noso patrimonio inmaterial.